Thursday 16 de May de 2024

Sogama licita por máis de 2,7 M€ as obras de execución de novos puntos de transvase para a materia orgánica en sete plantas de transfarencia


— Trátase das instalacións de Lugo, Narón, San Cibrao das Viñas, A Rúa, Silleda, Vigo e O Porriño, que contarán cunha tolva específica para o transvase da fracción orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón

— A adaptación destas sete plantas complementarase coa construción de seis máis que, sumadas ás catro de biorresiduos, fan un total de 17 instalacións que conformarán a rede galega de valorización da materia orgánica

— Con esta infraestrutura, a Xunta de Galicia pretende que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia

No marco da nova rede galega de infraestruturas para a valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost, Sogama licita por un importe de 2.708.585 euros as obras de execución de novos puntos de transvase da fracción orgánica contida nos residuos urbanos (FORSU) nun total de sete plantas de transferencia.

Trátase das instalacións localizadas en Lugo, Narón, San Cibrao das Viñas, A Rúa, Silleda, Vigo e O Porriño, cuxa licitación de aglutina en cinco lotes. O primeiro suma ás plantas de transferencia de Lugo e Narón; o segundo, ás de Silleda e San Cibrao das Viñas; o terceiro, á planta de Vigo; o cuarto á do Porriño; e o quinto, á planta de transferencia da Rúa.

No seguinte cadro resúmense os datos relativos a cada lote do procedemento, xa publicado na plataforma de contratos públicos.

Nº Lote Plantas Transferencia Prazo entrega proxecto Prazo execución obras Importe
Lote 1 Lugo e Narón 6 semanas 10 semanas 452.540 €
Lote 2 Silleda e San Cibrao das Viñas 6 semanas 10 semanas 359.370 €
Lote 3 Vigo 8 semanas 14 semanas 366.025 €
Lote 4 O Porriño 8 semanas 16 semanas 798.600 €
Lote 5 A Rúa 8 semanas 16 semanas 732.050 €

A adaptación destas sete plantas complementarase coa construción de cinco plantas máis, que virán substituír a outras tantas microplantas, localizadas en Curtis, Ponteceso, Riotorto, A Lama e Arbo.

Terán unha maior eficiencia e capacidade, estando preparadas para transvasar, ademais do residuo convencional (bolsa negra), o procedente do contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e do marrón (materia orgánica recollida de forma separada a través do contedor marrón). Ademais, levantarase unha sexta nova planta de transferencia no polígono industrial de Cee, que virá a substituír á que está a operar no Monte do Son.

Polo tanto, a adaptación das sete plantas complementarase coa construción destas seis que, sumadas ás catro de biorresiduos —Cerceda, Cervo, Vilanova de Arousa e Verín—, fan un total de 17 instalacións que conformarán a rede galega.

Dado que as entidades locais, conforme á normativa europea, teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida selectiva do contedor marrón e, malia que se trata dunha competencia municipal, a Xunta axudaralles a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais e porá á súa disposición esta rede de instalacións.

O seu obxectivo é que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama —295 en total, que aglutinan a unha poboación de máis de 2,24 millóns de habitantes— dispoñan dunha planta de biorresiduos, ou de transferencia, a menos de 50 quilómetros de distancia.

A Xunta traballa para que esta infraestrutura, na que se invisten máis de 38 millóns de euros e que conta con recursos dos fondos Feder como resposta da Unión Europea á crise da covid-19, estea operativa a finais de 2022.